Recollida do Mosaico da Memoria no Colexio
Unha recollida especial do Mosaico da Memoria tivo lugar o primeiro trimestre do ano 2025 en O Barqueiro, no CEIP Francisco López Estrada.
O colexio estaba a realizar un proxecto acerca da migración e como afectou e afecta ás familias da comunidade escolar. E, pedíronme se se podería incorporar o Mosaico da Memoria vinculado a esta memoria migrante tanto das mulleres que quedaron en Galicia soas como das que migraron. Así como recuperar a memoria das mulleres das familias que habitan agora no Barqueiro chegadas de diferentes puntos do mundo.
Unha experiencia marabillosa coa comunidade escolar do Barqueiro, un encontro do máis especial xa que incorporou elementos como o traballo por familias (mirada de diferentes idades), a migración tanto de familias galegas como das familias que se incorporan agora á galeguidade.
Sigo recollendo memorias que espero compartir con vós antes de acabar este ano 2025.